viernes, 27 de octubre de 2017

Escravos

Obrigados a pelexar en mil batallas,
soportando o ruído das treboadas,
o bruído estoupando nas tempas.
Botáronos pola porta de atrás,
espidos, a sede agromando,
aproveitándose
da ausencia de enerxía,
da afonía na gorxa.

Camiñamos polo asfalto ardente,
os pés feridos,
embaixo,
cristais rotos e cascallos e lixo.
Non fomos quen de adiviñar a conspiración.
Non intuímos o desastre.
Non sospeitamos que o seu oro,
os seus estómagos gourmet e os seus logos tatuados
pagáronse cos nosos folgos.

Deveciamos por ser nós mesmos.
Nós únicos.
Sen vós, sen eles.
E fumamos un cigarro tras outro,
consumindo a nosa propia cordura.
Asexando ós poucos na distancia
Á procura dun buraco no que durmir
unha eternidade.


No hay comentarios:

Publicar un comentario